Ilustración da cabeceira de Jimmy Liao

A ilustración da cabeceira pertence ao libro "Esconderse en un rincón del mundo" de Jimmy Liao.

26/01/2012

Ano novo, libro novo: "Un viejo que leía novelas de amor" de Luis Sepúlveda



FICHA DE LECTURA:

UN VIEJO QUE LEÍA NOVELAS DE AMOR

TÍTULO: Un viejo que leía novelas de amor
AUTOR: Luis Sepúlveda
LUGAR DE PUBLICACIÓN: Barcelona
EDITORIAL: Tusquets Editores
COLECCIÓN: Maxi
ANO DE PUBLICACIÓN: 1989
PUBLICADO EN ESPAÑA: 1993. Esta é a 9ª edición, 2011
PREMIOS: Premio Tigre Juan

SOBRE O AUTOR:

     LUIS SEPÚLVEDA naceu en Ovalle, Chile en 1949. Percorreu case todos os territorios posibles da xeografía e as utopías, do Amazonas ao Sahara, da Patagonia a Hamburgo ou ao barco de Greenpeace. Desa vida axitada deu conta en obras como Mundo del fin del mundo, Patagonia Espress, Historia de una gaviota. Un viejo que leía novelas de amor está traducida a 33 idiomas e con vendas millonarias, foi a novela que lle deu máis fama. Nesta obra enlaza con harmonía a exuberancia tropical, a falsa inxenuidade e a verdadeira sabiduría.

CUESTIÓNS para guiar o coloquio sobre a lectura:

1-Tema
2-Argumento
3-Caracterización dos personaxes principais
4-Cres que o entorno é protagonista?
5-Que relación teñen os personaxes co seu medio?
6-Cal desas actitudes che parece máis positiva e coherente?
7-Cres que respectamos o medio no que vivimos e as diferentes culturas que nel habitan?
8-Conclusión e valoración persoal.

Recordade que as reunións do club son:

-         Luns 30 de xaneiro ás 15:00 h para 3º e 4º ESO.
-         Luns 6 de febreiro ás 15:00 h para 1º e 2º ESO.

07/11/2011

O pintor do sombreiro de malvas

Abrimos a xeira dun novo curso coa xuntanza do noso Club o pasado luns 17 de outubro – temos que dicir que máis nutrido que nunca- pois na maís comezar xa tiñamos un número tan elevado de peticións para participar nel que nos vimos obrigados a establecer unhas pautas de compromiso e de saber estar para participar en cada sesión que convoquemos un luns de cada mes. Como somos uns 70 membros lectores decidimos facer dous grupos por cada ciclo da ESO e convocar en días diferentes.  Aínda así seguimos a ser moitos, e polo de agora tivemos que decidir -moi ao noso pesar- que restan en espera outras persoas que tamén queren formar parte do Club de Lectura.

Na primeira sesión fixemos a presentación, falamos de acordos, e entre uns e outros recomendamos as ultimas lecturas preferidas de cada quen, cun intercambio de ideas moi interesante e variado. Coñecimos a novos compañeiros e compañeiras de 1º, que están encantados e parecen ter moito que aportar.
Como este ano o eslogan da Biblioteca é “As Artes e as Letras” quixemos empezar coa lectura de

Marcos Calveiro: "O pintor do sombreiro de malvas”
 Vigo: Edicións Xerais, Colección Fóra de Xogo, 4ª edición, 2011.

Novela que recrea as preocupacións dun adolescente e a súa relación co pintor Vincent Van Gogh durante o verán de 1890; toda unha figura que nos serve para coñecer e disfrutar a súa obra pictórica e adentrarnos no seu significado.

Queremos recordar que tedes tempo dabondo para ler este libro, pois decidimos que as seguintes sesións serán:

-          21 Novembro luns: 3º e 4º ESO
-          28 Novembro luns: 1º e 2º ESO

Así que a todas aquelas persoas que queiran comentar e compartir as  ideas  e sensacións que lle transmitiu esta historia, podemos recomendarlle que comece ese “Caderno de Notas das miñas lecturas” onde pode ir apuntándoas, para así cando chegue o día da xuntanza recordar o lido e conservar unha ficha cos datos do libro e cos comentarios  e valoracións persoais.

Ah! Tamén podedes ir deixando comentarios nesta entrada do blog.

Anticipamos que no mes de Decembro xuntarémonos nunha  sesión para ver un filme sobre a vida do pintor e así completar o noso achegamento.

¡¡ESPELIDE, BULIDE, 
QUE OS EXEMPLARES DO LIBRO XA ESTÁN RODANDO DE MAN EN MAN!!

29/06/2011

Despedímonos ata setembro.

Non podíamos atopar unha forma de despedírmonos máis fermosa que estes paragrafos escritos por Rosa Aneiros no pregón que fixo para a Feira do Libro de Ferrol. Todo un canto de loubanza aos clubes de lectura e á súa revolución silenciosa:

"...Segue habendo un mundo agardando por nós en cada libro. Seguen querendo contarnos historias. Cousas do cotío, pulsos contra a tristura para facernos felices.

Por iso hoxe quixen traer comigo un ronsel de faíscas luminosas, un ronsel de esperanzas.

Escoitaron vostedes falar algunha vez dos Morcegos de Canido? Dos pantasmas de papel de Neda? Do Sansaliber de San Sadurniño? Do Segrel de Neda? Dos siareiros de Sofía ou de Saturnino Hermida? Saben vostedes de que lles falo? Fálolles da gran revolución silenciosa que está a sacudir dende hai uns anos as bibliotecas públicas de Galicia, tanto as dos centros de ensino como aquelas municipais. Falo dos clubs de lectura. Quen se interesa polos libros, dirán? Se á xente nova non lles gusta ler, pertencen á xeración nin-nin que nin estudan nin traballan nin unha cousa nin todo o contrario, esa xuventude tan formada e tan analfabeta para os libros... Trabúcanse. Nunca tanto se leu coma hoxe en día. Nunca houbo adolescentes con tanto acceso nin tanta implicación coa lectura. Actualmente están funcionando douscentos clubs de lectura en centros de secundaria en Galicia. Estes clubs acollen tanto a alumnado como a pais e nais que participan do coloquio, que comparten a extraordinaria experiencia lectora. Ademais destes douscentos centros están aqueles vinculados a bibliotecas municipais, tamén as que nacen ao abeiro dos centros de primaria. Só nos institutos hai en Galicia máis de cinco mil persoas que semana a semana partillan libros. Cinco mil. Pais, nais, alumnado que se enredan, que aman e odian, que medran, que coñecen a partir das páxinas dos libros. Non se conforman. Sempre queren máis. É por iso que non lles abonda con clubs, pequenos encontros nos centros públicos, nas aulas. Non, querenmáis. Todos os clubs reúnense fóra de horario lectivo, nos recreos, nas pausas do xantar, polas tardes... cando poden. Renuncian ao seu lecer privado por falar de libros. De libros! Pero xa non abonda cos libros en xeral, hai clubs de lectura de manga, de novela realista, de misterio, de ciencia ficción, de poesía... Xa non abonda coas reunións presenciais, teñen blogs nos que van avanzando os progresos nas lecturas, póñenlles música, vídeos, falan de arte, organizan excursións a escenarios literarios. Tampouco abonda xa coa experiencia dos compañeiros e compañeiras de aulas. Deciden reunirse na rúa, nos parques, nas bibliotecas, con membros doutros clubs e partillar escenas, personaxes, cancións, tramas, finais felices ou tristes, citas literarias."

"... É unha revolución silenciosa realmente extraordinaria.

Non é ruidosa, nin mediática, nin dolorosa, nin interesada, nin sanguenta, nin de profundo fedor a petróleo ou gas. Aquí, nestas aulas de esperanza, falan de libros, de historias que os sacoden, de novelas e poemas que andan e desandan nas súas cabezas inquedas. É a revolución da xente nova que nos estamos perdendo porque é máis doado desprezar os seus hábitos e dicir que tolean coa tele ou con Internet ca meternos no que de verdade eles aman. No que len. No que lles gusta. No que odian. No que de verdade os fai soñar. E saben quen promove e fai virar esta espiral? Eles e elas mesmas coa axuda do profesorado quen, sen ningún tipo de compensación curricular ou económica, entrega o seu esforzo, o seu tempo, en aprenderlles a voar."

Grazas, Rosa, e a vós felices vacacións e pracenteras lecturas!

30/05/2011

O club de lectura recomenda...



Unha morea de libros diferentes para todos os gustos. Elixe o que máis che atraia para facelo o teu compañeiro este verán. Un ou varios, pois as vacacións son fermosamente longas e os días dan para troulas, mais tamén para horas de tranquilidade baixo a sombra das tupidas árbores. 

Que sexamos moderadamente felices.É o noso desexo dende a BE.

12/04/2011

Parodia de Psicose

Parece que o visionado da película Psicosis ou a proxección do seu making off estimulou a creatividade dun dos noso siareiros, David Gómez, que deu en crear o seguinte video parodiando o film de Hitchcock.


Parodia Psicose from biblosvivos on Vimeo.

07/04/2011

O próximo luns "Poesía e compromiso"

No mes de xaneiro, o club de lectura tiña programada unha sesión adicada á Poesía e o Compromiso, ía servir como homenaxe de despedida para José Luís e de benvida para Xoán. 
Por desgraza, as cousas non sempre saen como nos gustaría, José Luís púxesonos pachucho e non poido asistir e a nosa sesión ficou incompleta...
O vindeiro luns terá lugar a sesión "Poesía e compromiso II" e, desta si, poderemos gozar de José Luís.